MINIATURAS MUSICAIS DE EUGENIO GRANELL

Eugenio Granell (A Coruña 1912-Madrid 2001) é un dos máis destacados pintores surrealistas do século XX. Nacido na Coruña, Granell comezou como político radical e músico. En 1939, tras o triúnfo de Franco, exilouse. Residiu en Francia, República Dominicana, Puerto Rico, Guatemala e Nova York. Foi grande amigo de Marcel Duchamp. En 1985 volveu a España, onde recibiu numerosos premios e recoñecementos e abriu a Fundación Granell en Santiago de Compostela.  A súa obra está presente nos principais museos de arte contemporánea: desde o MOMA de Nova York até o Reina Sofía de Madrid.

Aínda que destacou como pintor, Granell gañou a vida até os 40 anos como violinista e xornalista. Porén, se ben a súa traxectoria como artista plástico, escritor, cineasta ou dramaturgo foron postas en valor, restaba unha achega a esa faceta musical, que desde aCentral Folque, en colaboración coa Fundación Granell, ofrecemos nestas “Miniaturas Musicais de Eugenio Granell”. Nos fondos da Fundación atopamos máis de 200 anotacións musicais nunca divulgadas. Liñas melódicas de forte inspiración galega a partir dos instrumentos que coñecía: o violín, a guitarra e a gaita, coa que experimentaba ocasionalmente.

MÚSICA REVELADA

aCentral Folque encargoulle un traballo de nova creación a partir destas anotacións musicais ao maestro cubano Alejandro Vargas (premio Cubadisco de Jazz en 2008). A escolla dun jazzista caribeño, e de tímbricas como as da gaita e a zanfona, responden á ideoloxía e obra de Granell, moi interesado polo indixenismo e as músicas populares do seu tempo. Xa el na súa xuventude montara unha “orquestra de jazz” na Compostela dos anos 20.

O resultado para estas miniaturas musicais é unha banda formada por batería, contrabaixo, piano e voz, con colaboración de gaita, zanfona e viola. Unha proposta que vai máis alá da música, facendo uso da liberdade creativa de Granell para abrir as súas anotacións músicais, e as derivacións de Vargas, a improvisacións con raíz e a interpretacións cheas de cor.

A posta en escena destas Miniaturas musicais de Granell recorda o surrealismo mais non tenta imitalo. Os artistas dialogan co pasado desde o presente e fannos desfrutar del con todos os sentidos. Orixinalidade, virtuosismo e sinceridade son as principais características desta proposta musical.

FORMACIÓN:

Alejandro Vargas (dirección, arranxos e piano)
José Manuel Díaz (contrabaixo)
LAR Legido (batería e obxectos sonoros)
Mónica de Nut (voz e máquina de escribir)

Colaboradores:
Germán Díaz (zanfona e caixa de música)
Edelmiro Fernández (gaita)
María José Pampano (viola e violín)

O proxecto pode presentarse coa formación completa (septeto) ou coa formación simple (cuarteto). En función das circunstancias poden proporse formacións menores ou adaptadas.

ELENCO ARTÍSTICO

Alejandro Vargas
Holguín (Cuba). Pianista e compositor graduado na Universidad ISA -Instituto Superior de Arte- de La Habana. Primeiro premio no concurso JoJazz 2001. Premio ao mellor disco de Jazz no Certame Cubadisco 2008, por “Trapiche”. Sendo dos novos jazzistas cubanos máis recoñecidos, o seu discurso composicional nútrese da raíz popular a través do Órgano Oriental, levando esta expresión á escena do jazz cubano. Viaxou por todo o mundo cos seus proxectos Oriental Quartet, New Trio, o dúo con L.A.R. Legido, e tamén como pianista en solitario por Ecuador, Brasil, España, Noruega, Portugal, Cuba, Trinidad e Tobago, Suíza…
Traballou como pianista e produtor de diversos proxectos. En 2009 viaxa a Galicia como director musical do encontro musical galego-cubano, “Descarga ao Vivo”, promovido por aCentral Folque. Actualmente desenvolve un intenso traballo sobre a improvisación libre e o free jazz, a dúo con L.A.R. Legido. Un percorrido musical, desde o abstracto até o tradicional, onde os estándar de jazz e a música popular cubana, son levados á estética da improvisación libre, e exploran e extralimitan incorporando obxectos sonoros que enriquecen a linguaxe, o son e a performance. Na actualidade reside en Santiago de Compostela. O seu último traballo é a composición, arranxos e interpretación ao piano das Miniaturas Musicais de Eugenio Granell.

José Manuel Díaz
Matanzas (Cuba). Contrabaixista graduado da Escuela Nacional de Arte de La Habana. No 2001 ingresa no Instituto Nacional de Arte (Universidad das Artes de Cuba) e entra a formar parte da Orquestra Sinfónica Juventudes Musicales de América. Ademais forma parte de diferentes agrupacións cubanas coas que participa en festivais e xiras internacionais por América e Europa. En 2009 deixa de vivir na Habana e pasa a residir en Galicia, onde colaborou, tanto en directo como en gravacións, cos artistas máis destacados da música galega actual: Marful, Guadi Galego, Marcos Teira, Alberto Vilas… Formou parte do proxecto “Descarga ao vivo. Cuba Galicia” e das Miniaturas Musicais de Granell, promovidas por aCentral Folque. Actualmente prepara o primeiro disco da súa formación: Jazzología.

L.A.R. Legido
Valladolid (España). Músico e investigador sonoro. Fórmase desde novo no C.E.D.I. (Centro de Encontro para o Desenvolvemento da Improvisación, Madrid). Amplía a súa formación, entre outros, na Berkelee College of Music de Boston. Colaborou con numerosos grupos e artistas realizando un gran número de gravacións desde a improvisación libre até o jazz, pasando polo folk ou o flamenco. Funda a Orquesta de Música Espontánea de Galicia (O.M.E.GA) e forma parte do Sumrrá, Lupercal ou o dúo con Alejandro Vargas. A día de hoxe, é un dos maiores expoñentes da improvisación libre en Galicia, onde reside.

Mónica de Nut
Vigo (Galiza). Cantante de ópera, jazz e canto de raíz galega con experimentación sonora nas vangardas e na interpretación teatral. Habilidade para a danza e a expresión corporal. Diplomada en pedagoxía musical pola Universidade de Vigo, a súa cidade natal, e licenciada na Escola Superior de Canto de Madrid. Compaxina a docencia coa composición e os escenarios. O seu disco “Mónica de Nut Trío” vén de ser escollido como mellor disco do ano 2012 pola revista Distrito Jazz.

Germán Díaz
Valladolid (España). Na actualidade é o zanfonista máis reputado da Península Ibérica e todo un referente internacional. Único zanfonista do estado que pertenceu á Viellistic Orchestra (Francia) cos mellores instrumentistas do mundo. En 1999 foi galardoado co premio Racimo de Oro, polo seu labor de recopilación e difusión da música tradicional. O seu disco “Músicas populares de la Guerra Civil” -dúo de zanfona e guitarra- foi elixido como segundo mellor disco do ano 2009 por Cuadernos de Jazz, e mellor disco internacional pola veterana revista xaponesa Jazz Tokio. Podemos atopalo interpretando a súa música nos festivais e salas máis prestixiosas de todo o mundo.

María José Pámpano
Serra de Outes (Galiza). Violinista licenciada no Conservatorio Superior de Música de Vigo, e especialista en interpretación da música antiga na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto. Ten participado con diversos ensembles baixo a batuta de Sigiwald  Kuijken, Amandine Beyer, Andrea Marcón, Win Ten Haven, Lawrence Cummings, Harry Cristophers ou Andrew Parrott. Colabora con diversas formacións como violinista, violista e fidulista para emsembles dedicados á interpretación do repertorio medieval. Interesada pola música improvisada é violista da O.M.E.GA (Orquestra de Música Espontánea de Galicia) e do cuarteto de cordas Suelen Estar Quartet.

Edelmiro Fernández
Ribeira (Galiza). Un dos gaiteiros solistas máis versátiles, internacionais e laureados de Galiza. Ten acadado os premios máis importantes en todos os certames de gaita, desde Ponteareas até Lorient, onde gañou cinco veces o prestixioso Premio MacCrimmon. Solista da banda de gaitas Ancoradoiro e da Banda dos Países Celtas. Titulado en Maxisterio Musical, destaca polo seu labor docente ao fronte de bandas de gaitas. É profesor de gaita da Escola Livre da MPG (aCentral Folque).

Esta é unha produción de aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, baixo a dirección artística de Ramom Pinheiro Almuinha.

Promoven:

Colaboran: